Sunday 28 de April de 2024

O Concello de Brión incrementará as patrullas da Policía Local nas parroquias da parte alta do municipio para loitar contra os roubos de cable


O Concello de Brión incrementará as patrullas da Policía Local nas parroquias da parte alta do municipio (Cornanda, Luaña, Viceso e Ons) e pedirá á Garda Civil que faga o propio para tratar de loitar contra os roubos de cabreado que se veñen producindo nas últimas semanas. Uns roubos que están a afectar especialmente á parroquia de Cornanda e que na noite de onte afectou ao alumeado público de Tourís, na veciña parroquia da Luaña.

O alcalde de Brión, Xosé Luís García, recibiu unha comunicación dos veciños e veciñas da parroquia de Cornanda na que denuncian que “un dia si e outro tamén somos vítimas do roubo de cable” do tendido telefónico e que “estamos fartos de que constantemente esteamos incomunicados, tanto teléfono como internet”. Os propios veciños recoñecen que contra os roubos “sabemos que o Concello non pode facer nada”, pero reclaman unha maior presenza tanto da Policía Local como da Garda Civil como medida disuasoria.

Xosé Luís García explica que “xa falamos coa Policía Local para que incrementen dende hoxe mesmo o número de patrullas por estas parroquias, aínda que por experiencias de anos anteriores somos conscientes de que é moi complicado poder dar cos autores destes roubos”. Así mesmo, o alcalde brionés reunirase cos responsables do posto da Garda Civil de Brión para solicitarlles que incrementen no posible a vixilancia nestas parroquias.

Porén, o alcalde brionés considera que “a colaboración veciñal segue a ser a nosa mellor ferramenta de traballo para tratar de evitar estes roubos e de cara a localizar aos seus autores”. Lembra que “hai uns anos tivemos uns meses nos que se produciran moitos roubos de cabreado nas distintas parroquias e fomos quen de reducir o seu número e mesmo de deter a varios dos autores grazas á colaboración veciñal e a un reforzo especial por parte da Garda Civil”.